Tuesday 17 de September de 2024

O pleno de San Sadurniño acorda a inadmisión dos recursos presentados polas dúas concelleiras do PP sobre o inicio do expediente de responsabilidade patrimonial contra parte do Goberno Municipal solicitado por elas mesmas


Malia rexeitar os recursos de reposición “porque o acto recorrido non existe”, o expediente continuará a súa tramitación tal e como estaba previsto

O salón de sesións acolleu a primeira hora desta mañá un pleno de carácter extraordinario e urxente que levaba na orde do día dous únicos asuntos. O primeiro deles foi a ratificación da urxencia da propia convocatoria, mentres que o segundo se centrou en votar se se aceptaba ou non un recurso de reposición presentado polas dúas concelleiras do PP, María Belén Trigo e Esther Díaz, ao respecto da apertura do expediente aprobado no pleno do pasado 30 de maio. Un expediente referido á posible responsabilidade patrimonial do Goberno local que no seu día subscribiu un convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño -o acordo permitiu dispor de terreos para a construción do Centro de Día- e que foi levado ao xulgado polas edís recorrentes. Seguindo un informe da Secretaría municipal, e por tratarse do órgano competente, o pleno acordou esta mañá a inadmisión dos recursos presentados por Trigo e Díaz, posto que, segundo consta no informe, o acto recorrido “non existe”. Iso si, o expediente aprobado polo pleno en maio continuará a súa tramitación segundo o procedemento previsto.

Tal e como se recordará, no pleno celebrado a finais de maio a Corporación acordou iniciar o expediente sobre a posible responsabilidade patrimonial dos membros do executivo local que asinaran o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. Aquel acordo plenario, datado o día 30, foi seguido o día 5 de xuño da “apertura material” do expediente, algo así como a apertura da carpeta que conterá todo o procedemento que se debe seguir nestes casos xunto coa documentación xerada.

O inicio formal dese expediente foilles notificado ás partes implicadas e, malia carecer aínda de contido, motivou a presentación dun recurso de reposición por parte das dúas concelleiras do Partido Popular. Tal e como se describe no informe elaborado pola Secretaria municipal, trala notificación, Trigo Meizoso e Díaz Vergara “presentan recurso de reposición fronte a un hipotético acto de data 5 de xuño de 2024 considerando que dito acto ou acordo é nulo de pleno dereito por ter sido dictado sen seguir o procedemento legalmente establecido, causando indefensión e un contido imposible”. “O certo é -prosegue o informe da Secretaría- que o acto, simplemente, non existe”.

A técnica municipal alude no informe a “unha confusión evidente nas recorrentes, que consideran que polo feito de que exista unha data de apertura ou incoación de expediente o día 5 de xuño, necesariamente debe existir un acto en tal data, cando o acto de apertura e iniciación do expediente data do 30 de maio de 2024, nunha sesión plenaria á que acoden elas mesmas”.

Por este motivo, e atendendo ao informe e as explicacións da secretaria municipal na propia sesión, a proposta de resolución sometida á votación do pleno  propuxo inadmitir a trámite os recursos presentados polas concelleiras do PP “pola inexistencia do acto recorrido”.

O asunto saiu adiante cos votos a favor de catro dos sete concelleiros do BNG -Secundino García, Manolo Varela e Mari Carme Muíño non votaron por ser parte no procedemento- e o voto do representante do PSdeG-PSOE. Tampouco se pronunciaron nin nun sentido nin noutro María Belén Trigo nin Esther Díaz, quen xa ao comezo do pleno informaron de que non ían votar ningún dos asuntos por ser “parte interesada”. Si o fixo, porén, o terceiro concelleiro do PP, José Luis Hermida,  quen votou en contra da urxencia da sesión e tamén de que o pleno non admitise o recurso das súas compañeiras de filas.

O debate do asunto, cualificado polo alcalde como “unha cuestión puramente técnico xurídica”, centrouse, por unha banda, na postura de José Luís Hermida “ao mellor a persoa máis implicada no procedemento”, dixo Secundino García en alusión ás vinculacións do concelleiro do PP coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. O alcalde recriminoulle que votase en contra da urxencia dun pleno “para resolver unha alegación que presenta o seu propio grupo político”.

Por outra banda, a portavoz do Goberno local, Mari Carme Muíño, tamén criticou que o PP centrase o labor de oposición no asunto da Cooperativa. “Realmente o voso interese é que este asunto perviva unha e outra vez, porque é a (vosa) principal acción política en San Sadurniño”, lamentou Muíño Filgueira dirixíndose á bancada popular.

Aínda que os recursos de reposición presentados polas concelleiras do PP non fosen admitidos finalmente polo pleno, cómpre ter presente que o expediente sobre a posible responsabilidade patrimonial dos concelleiros que asinaron o convenio coa cooperativa en 2007 -anulado posteriormente-  continuará tramitándose segundo o procedemento e os prazos que establece a lei.